
A Lagoa de cristal é unha novela gráfica infantil/xuvenil de misterio e fantasía que fala da unión familiar, das amizades, e das criaturas fantásticas. O proxecto inclúe as primeiras 24 páxinas máis información sobre os personaxes e os espazos nos que transcorre a historia. As ilustracións son íntegramente en dixital a cor, posteriormente impresas en papel, e grampadas en forma de pequeno tomo de tamaño A5. Maia é unha rapaza de 17 anos que vive en Vila Area e comeza tranquilamente o verán, pasando tempo coa súa avoa, co seu primo e coas súas amigas; pero uns raros acontecementos farán que as súas vacacións den un xiro inesperado, descubrindo seres máxicos e misterios da súa vila que cambiarán a súa vida para sempre. A miña intención con este proxecto é crear unha historia de fantasía, nun mundo normal no que pouco a pouco se desenvolven os feitos fantásticos e misteriosos, para que deste xeito os lectores sintan que toda esa fantasía do cómic puidese facerse real.