
Swaiper el perro de la eterna sonrisa é un álbum ilustrado co que quixen unir a ilustración co meu amor polos animais. Está inspirado nunha historia real vivida na Protectora de Animais do Morrazo, na que son voluntaria dende 2017. O proxecto conta a vida de Swaiper, un can abandonado que, tras moitos anos de espera, atopa por fin un fogar. Dende a súa mirada abórdanse temas como a empatía, a esperanza e a adopción responsable. O conto está dirixido a un público infantil e busca espertar sensibilidade e respecto cara aos animais dende idades temperás. O proxecto inclúe a cuberta, as gardas e 22 páxinas ilustradas con collage téxtil, con pezas de feltro cosidas a man. Todo o proceso foi realizado de forma artesanal, dende o deseño de personaxes e escenas ata a encadernación final, coidando cada detalle técnico e visual. As pezas foron posteriormente fotografadas, editadas e maquetadas en Procreate para conservar a textura e o acabado orixinal do material. Finalmente, Swaiper faleceu días despois da publicación do conto, rodeado de moito amor.